luns, 25 de setembro de 2017

Glosario bloque 11

Parroquia

División administrativa menor ca un municipio integrada por varios núcleos de poboación, propia de Galicia e Asturias. É a categoria tradicionalmente recoñecida ás entidades colectivas de poboación. Como tales non teñen entidade xurídica ningunha. En Galicia existen 3781 parroquias, que comprenden desde unha aldea até quince ou máis. O Estatuto de Autonomía de Galicia prevé que, mediante unha lei, se poida recoñecer personalidade xurídica á parroquia rural.

Municipios

O municipio é a entidade territorial básica en España. A súa función é prestarlle servizos aos veciños/as, máis variados canto maior sexa a súa poboación. O goberno e a administración municipal correspóndelle ao concello, integrado polo alcalde/sa e os/as concelleiros/as. As/os concelleiras/os elíxense por sufraxio universal directo, e estes, á súa vez, elixen ao alcalde/sa.


Provincia

A provincia é unha entidade territoral local formada por unha agrupación de municipios. A súa función é fomentar os intereses provinciais, prestar servizos de ámbito provincial, coordinar os servizos dos municipios e cooperar con eles. O goberno e a administración provincial correspóndelle á deputación, integrada por un presidente/a e os/as deputados/as. Os/as deputados/as escóllense entre os/as concelleiros/as electos e estes, á súa vez, elixen ao presidente/a.

Comunidade Autónoma

A comunidade autónoma é unha entidade territorial formada por provincias limítrofes, territorios insulares ou provincias con entidade histórica rexional, dotadas de autonomía lexislativa e capacidade de autogoberno sobre os asuntos da súa competencia. En España hai 17 comunidades autónomas e dúas cidades autónomas.


Estatuto de Autonomía

O Estatuto de Autonomía é a norma legal básica pola que se rexen todas as comunidades autónomas. Neles establécese a súa denominación, delimitación territorial, identificación das institucións autonómicas existentes e a súa localización, así como as competencias que asumen. O Estatuto de Autonomía de Galicia foi promulgado o 6 de abril de 1981.

Tema unidade 13 (A organización política e territorial de España)

Contrastes e políticas rexionais en España

Nesta ligazón tedes o tema da unidade 13

Contrastes e políticas rexionais

Directrices das ABAU

Nesta ligazón tedes as directrices da materia de Xeografía nas ABAU, tanto de xeito detallado coma resumido. Ademais dispoñedes de todo tipo de material desglosado por temas.