xoves, 31 de maio de 2018

Tema: Transformacións recentes na estrutura das cidades

Nesta ligazón podedes descargar o tema correspondente ao bloque 10 (O espazo urbano): Transformacións recentes na estrutura das cidades,

Glosario bloque 10 (O espazo urbano)

Área suburbana

Territorio próximo ás cidades que polas súas características constitúe unha zona de transición entre o núcleo urbano propiamente dito e o espazo rural adxacente.

Área metropolitana

Rexión urbana que engloba unha cidade central que dá nome á área e unha serie de cidades satélites que poden funcionar como cidades dormitorio, industriais, comerciais e servizos, todo organizado de xeito centralizado. Exemplos en Galicia e España son as áreas metropolitanas de Vigo e Barcelona, respectivamente.

Cualificación do solo

É a clasificación en categorías do solo urbano; faise en función do seu uso e establécese no Plan Xeral de Ordenación Urbana; esta pode ser: solo urbano, no que se inclúen os terreos xa urbanizados; solo urbanizable, que comprende os terreos que se queren desenvolver para o desenvolvemento da cidade; e solo no urbanizable, que é o formado polos espazos que se dedicarán á produción agrícola ou á conservación da natureza.

Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOU)

Instrumento de ordenación integral do territorio. Contén a clasificación do solo, definición dos elementos fundamentais da estrutura xeral do territorio (como poden ser fixar os espazos libres, de equipamento comunitario, os sistemas xerais de comunicación, etc.), desenvolvemento, execución e a vixencia do plan. Soe ser municipal, Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).


Unidade Veciñal de Absorción (UVA)

Trátase dunha solución formulada durante os anos 50 e 60 do século XX cando o masivo éxodo rural en Madrid e Barcelona produciu a creación de barrios e poboados chabolistas de crecemento espontáneo por toda a área suburbana destas cidades. Entón comézase a aplicar un plan de absorción do chabolismo horizontal e constrúense barrios de baixo custo con materiais pobres e edificios de moi baixa calidade, que, na práctica, transforman o chabolismo horizontal nun chabolismo vertical de edificios paupérrimos con escasos servizos.

Xentrificación

Proceso de transformación urbana no que a poboación orixinal dun sector ou barrio deteriorado e con pauperismo é progresivamente desprazada por outra dun maior nivel adquisitivo á vez que se renova. O termo é un neoloxismo que procede do inglés "gentrification".

sábado, 19 de maio de 2018

mércores, 9 de maio de 2018

Notas dos exames do 3º trimestre

Neste documento tedes as notas dos exames (unicamente dos exames) do 3º trimestre. Para calquera dúbida urxente contactádeme por correo electrónico. Pasade boa fin de semana e desfrutade da Ascensión!