domingo, 29 de outubro de 2017

Glosario bloque 2 (O relevo español e a súa diversidade xeomorfolóxica)

Aluvión

Material case sempre detrítico transportado e depositado, transitoria ou permanentemente, por unha corrente de auga. Pode estar composto por grava, area, arxila ou limo. Acumúlase en abanos fluviais, leitos fluviais, chairas aluviais ou deltas.

Foz

Corte profundo, case vertical, que pode chegar a formar un río ao circular sobre materiais duros. Son formas propias do relevo cárstico e do relevo sobre rochas metamórficas.

Litosfera

É a capa superficial sólida da Terra. Está formada pola codia e a parte máis externa do manto, e sitúase por riba da astenosfera, unha capa "plástica" que forma parte do manto superior. Está formada pola codia continental, con entre 20 e 70 km de espesor, e a codia oceánica, cuns 10 km de espesor. Está fragmentada en placas tectónicas.

Meseta

Superficie plana de gran extensión, horizontal ou lixeiramente basculada, elevada con respecto ao nivel do mar. Apenas presenta accidentes topográficos de importancia e os seus rebordos poden ser montañosos. Na Península Ibérica, a Meseta Central é a principal unidade do relevo. É un resto do antigo macizo xurdido na oroxénese herciniana, posteriormente arrasado pola erosión e afectado e deformado polo movemento alpino.

Penechaira

É unha ampla chaira case uniforme, que, por efecto dunha prolongada erosión, presenta unha superficie suavemente ondulada, sen apenas diferenzas de altura entre os vales e os interfluvios. Está formado por materiais antigos e erosionados. Na Península Ibérica as penechairas zamorano-salmantina e extremeña conforman superficies de erosión sobre rochas paleozoicas con escasas pendentes.

Somonte

Terreo ou rexión situada ao pé dunha montaña. Na Península Ibérica, o exemplo máis característico é a área de transición entre o fondo da depresión do Ebro e os Pireneos, tamén coñecida como Prepireneo. Nesta área, unha serie de materiais calcáreos depositados no fondo mariño e pregados tras a oroxenia alpina, deron lugar a relevos montañosos suaves.

Tectónica de placas

Teoría xeolóxica que explica os diferentes fenómenos xeolóxicos a partir dos movementos das placas litosféricas ríxidas sobre a aenosfera branda, que se deben ás correntes de convección existentes no manto.

Esteiro

É a parte máis ancha e profunda da desembocadura dun río no mar aberto ou no océano, xeralmente en zonas onde as mareas teñen amplitude e oscilación. Os esteiros orixínanse pola entrada de augas mariñas durante a pleamar, mentres que durante a baixamar todas as augas comezan a entrar a grande velocidade no mar ou océano, o que contribúe a limpar e afondar o seu cauce, deixando, ás veces, grandes zonas de marismas.

Ría

É un val fluvial sumerxido baixo o nivel do mar a causa da elevación deste. A orixe xeomorfolóxica está relacionada cun asulagamento do val fluvial relacionado con movementos isostáticos e un afundimento tectónico asociado á rede de fracturas preexistentes. No caso galego, as fracturas tardihercínicas están na orixe da orientación da meirande parte das nosas rías.

Tómbolo

É un accidente xeográfico sedimentario que forma unha estreita lingua de terra entre un illote, illa ou rocha grande afastada da costa e terra firme, ou entre dúas illas ou illotes. A orixe está na acumulación areosa producida pola acción das mareas, que foron creando un espazo de unión entre áreas anteriormente afastadas.

Zócolo

Relevos de chaira ou de meseta formados durante a Era Primaria ou Paleozoico. Son os máis antigos da Península Ibérica e están formados por rochas moi ríxidas que, cando hai movementos internos da Terra, non se pregan senón que se fracturan en bloques.

Macizos Antigos

Son montañas formadas na Era Terciaria por novos levantamentos dun bloque dun zócolo como consecuencia dos movementos oroxénicos alpinos. En España, son macizos antigos as serras interiores da Meseta, o Macizo Galaico-Leonés e a parte occidental da Cordilleira Cantábrica.

Cordilleiras de pregamento

Son grandes elevacións montañosas xurdidas coa oroxénese alpina na Era Terciaria polo pregamento de materiais sedimentarios depositados polo mar nos rebordos dos zócolos (cordilleiras intermedias) ou en foxas mariñas (cordilleiras alpinas). Na Península, o Sistema Ibérico é unha cordilleira intermedia, mentres que os Pireneos é unha cordilleira alpina.

Concas sedimentarias

Son zonas depresionarias formadas durante a Era Terciaria polo afundimento dun bloque dun zócolo como consecuencia das presións oroxénicas alpinas. Posterioremente, enchéronse de sedimentos e hoxe son relevos horizontais ou suavemente inclinados. Na Península Ibérica destacan as concas do Douro ou do Texo.


Ningún comentario:

Publicar un comentario