luns, 4 de xuño de 2018

Mapa do sistema urbano español

Este práctico caeu no exame de setembro de 2017 (opción A).

Comentario do mapa de áreas e eixos industriais en España


Nesta ligazón tedes comentado o mapa das principais áreas industriais de España.

A Produción Final Agraria

A Produción Final Agraria (PFA) é o valor total da produción agraria descontando os elementos empregados no proceso produtivo, por exemplo as sementes ou o esterco. Ademais, a PFA mide (en porcentaxe de relación) a diferente produción agrícola e gandeira. Así, cando dicimos que a PFA española é de 65-35, queremos dicir que o 65% do valor produtivo pertence á agricultura e o 35% á gandería.

Evolución da Produción Final Agraria española



Presentacións bloque 10 (O espazo urbano)


Comentario dos planos urbanos de Barcelona e Madrid

Nestas ligazóns tedes á vosa disposición o comentario dos planos urbanos de Barcelona e Madrid resoltos.

Produción agropecuaria e pesqueira

Nesta ligazón podedes consultar datos sobre a produción agropecuaria e pesqueira para o práctico sobre a PRODUCIÓN FINAL AGRARIA
Botádelle unha ollada, sobre todo ao corpo principal do texto (no que aparecen as características da produción agraria por áreas) e o pdf con datos estatísticos.

Preguntas teóricas bloques (Contrastes rexionais en España) e 12 (España no escenario xeopolítico)

Nestas ligazóns tedes as preguntas teóricas dos bloques 11 e 12.

xoves, 31 de maio de 2018

Tema: Transformacións recentes na estrutura das cidades

Nesta ligazón podedes descargar o tema correspondente ao bloque 10 (O espazo urbano): Transformacións recentes na estrutura das cidades,

Glosario bloque 10 (O espazo urbano)

Área suburbana

Territorio próximo ás cidades que polas súas características constitúe unha zona de transición entre o núcleo urbano propiamente dito e o espazo rural adxacente.

Área metropolitana

Rexión urbana que engloba unha cidade central que dá nome á área e unha serie de cidades satélites que poden funcionar como cidades dormitorio, industriais, comerciais e servizos, todo organizado de xeito centralizado. Exemplos en Galicia e España son as áreas metropolitanas de Vigo e Barcelona, respectivamente.

Cualificación do solo

É a clasificación en categorías do solo urbano; faise en función do seu uso e establécese no Plan Xeral de Ordenación Urbana; esta pode ser: solo urbano, no que se inclúen os terreos xa urbanizados; solo urbanizable, que comprende os terreos que se queren desenvolver para o desenvolvemento da cidade; e solo no urbanizable, que é o formado polos espazos que se dedicarán á produción agrícola ou á conservación da natureza.

Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOU)

Instrumento de ordenación integral do territorio. Contén a clasificación do solo, definición dos elementos fundamentais da estrutura xeral do territorio (como poden ser fixar os espazos libres, de equipamento comunitario, os sistemas xerais de comunicación, etc.), desenvolvemento, execución e a vixencia do plan. Soe ser municipal, Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).


Unidade Veciñal de Absorción (UVA)

Trátase dunha solución formulada durante os anos 50 e 60 do século XX cando o masivo éxodo rural en Madrid e Barcelona produciu a creación de barrios e poboados chabolistas de crecemento espontáneo por toda a área suburbana destas cidades. Entón comézase a aplicar un plan de absorción do chabolismo horizontal e constrúense barrios de baixo custo con materiais pobres e edificios de moi baixa calidade, que, na práctica, transforman o chabolismo horizontal nun chabolismo vertical de edificios paupérrimos con escasos servizos.

Xentrificación

Proceso de transformación urbana no que a poboación orixinal dun sector ou barrio deteriorado e con pauperismo é progresivamente desprazada por outra dun maior nivel adquisitivo á vez que se renova. O termo é un neoloxismo que procede do inglés "gentrification".

sábado, 19 de maio de 2018

mércores, 9 de maio de 2018

Notas dos exames do 3º trimestre

Neste documento tedes as notas dos exames (unicamente dos exames) do 3º trimestre. Para calquera dúbida urxente contactádeme por correo electrónico. Pasade boa fin de semana e desfrutade da Ascensión!

xoves, 19 de abril de 2018

Glosario bloques 8 e 9

Difusión industrial

Tendencia de localización industrial actual; refírese ao proceso de mobilidade de parte da industria cara os espazos periféricos -moitas veces contornas rurais onde o solo é máis barato- das grandes áreas urbano-industriais conxestionadas, coas que segue a manter un forte atractivo.

Economías de escala 

Concepto que expresa para unha empresa comporta a súa localización nun determinado entorno: cando se produce unha concentración xeográfica das industriais as fábricas benefícianse de infraestruturas colectivas e repártense o custe destas. Cerca dun grande mercado de consumo economizan en gastos de transportes, benefícianse da concentración de man de obra ou incentivos fiscais.

Enerxías renovábeis 

Son aquelas que se obteñen de fontes naturais virtualmente inesgotábeis, ben sexa pola inmensa cantidade de enerxía que conteñen, ben porque son capaces de rexenerarse por medios naturais. Entre as enerxías renovábeis cóntanse a hidroeléctrica, eólica, xeotérmica, maremotriz, a biomasa e os biocombustíbeis. En 2017 representaron o 33,7% da enerxía consumida en España.


Fondos estruturais

Son instrumentos da Unión Europea que teñen por obxecto reducir as diverxencias de desenvolvemento entre as rexións, e busca reforzar a cohesión económica e social. O Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) -destinados ás rexións menos favorecidas- e o Fondo Social Europeo (FSE) -destinado á formación, para fomentar as oportunidades de emprego.

Subcontratación

É o proceso económico no que unha empresa move ou destina os recursos orientados a cumplir certas tarefas a unha empresa externa por medio dun contrato. Por exemplo, unha empresa que vende roupa pode subcontratar a limpeza do local a outra compañía.

Industrias verdes

É aquela industria na que o valor central non é o crecemento económico, senón o desenvolvemento substentábel, a través do respecto ao medio ambiente e o uso de enerxías limpas e renovábeis. Unha industria verde crea valor económico, ambiental e social. Polo tanto, nelas un valor fundamental é evitar a contaminación e o deterioro da paisaxe.

Materias primas estratéxicas

Son materias primas que condicionan o crecemento da produción ou a riqueza mundial e son, ademais, clave por razóns políticas e/ou estratéxicas para a economía das grandes potencias. Moitas delas atinxen nos mercados internacionais un valor notábel pola súa asociación a industrias de tecnoloxía punta e pola súa escaseza. Ademais das tradicionais como o petróleo, o gas e o uranio están o coltán, os diamantes, o cobalto, o níquel ou o titanio, entre outras.

Parque tecnolóxico

Un parque tecnolóxico é unha instalación industrial que: a) mantén relacións formais e operativas coas universidades, centros de investigación e outras institucións de educación superior; b) está deseñado para favorecer a formación e crecemento de empresas baseadas no coñecemento e doutras organizacións de alto valor engadido pertencentes ao sector terciairio; c) posúe un organismo estábel de xestión que impulsa a transferencia de tecnoloxía e fomenta a innovación entre as empresas e organizacións usuarias do parque. Un exemplo é o Parque Tecnolóxico de Galicia, en Ourense, ou Sillicon Valley, nos EEUU.

 

 

Balanza comercial

É o rexistro das importacións e exportacións dun país calquera durante un período de tempo e é un dos compoñentes da balanza de pagamentos. O saldo da balanza comercial é a diferenza entre as exportacións e as importacións. é dicir, entre o valor dos bens que un país vende ao exterior e dos que compra a outros países. Fálase de superávit comercial cando o saldo é positivo e de déficit comercial cando o valor das exportacións é inferior ao das importacións.

Economía somerxida

Conxunto de actividades económicas que se desenvolven clandestinamente e escapan ao control fiscal e as leis e normativas laborais, e que permiten a subsistencia dun sector máis ou menos amplo da poboación segundo os países. En 2017, en España estímase que supón o 17% do PIB.

Ecoturismo

Chamamos ecoturismo a unha tendencia de turismo alternativo, diferente ao turismo tradicional. Nestas actividades turísticas priviléxiase a substentabilidade, a preservación, a apreciación do medio natural e cultural; preténdese manter o benestar das poboacións locais, minimizando os impactos negativos para o medio ambiente e a comunidade local, e mantendo sempre un respecto ético polas leis laborais e os dereitos humanos dos traballadores implicados.

Franquía

Cadeas de establecementos pertencentes a empresas xuridicamente independentes ligadas por un contrato no que unha -a franquiadora- lles concede a outras -as concesionarias- a licenza para explotar unha marca ou unha fórmula comercial mediante o pagamento dunha cantidade determinada, achegándolle asistencia, publicidade, etc. Este feito, xunto a unha organización do espazo interno moi similares en todos os casos, confírelles unha personalidade bastante estandarizada. As empresas concesionarias aprovéitanse dos beneficios das compras centralizadas e das campañas publicitarias únicas.

Taxas aeroportuarias

Son o prezo que en moitos países pagan os viaxeiros, tanto en voos nacionais como internacionais, polo uso dos aeroportos.

Tour operadores

Axencias intermediarias entre o establecemento turístico e as axencias retallistas. Ofrecen paquetes turísticos a un prezo global con todo incluído (transporte, aloxamento ou manutención).

 


luns, 16 de abril de 2018

mércores, 28 de marzo de 2018

Comentario do mapa de áreas industriais

Nesta ligazón tedes algunhas ideas para abordar o comentario do mapa das áreas industriais. Contrastade os datos que aporta este documento coas preguntas que puxen no práctico que fixemos na clase e pensade noutras posíbeis cuestións.

mércores, 21 de marzo de 2018

Recensión

Aquí tedes un guión de como facer a recensión de La España vacía. Posto que non queda moito tempo para que remate o curso non tedes que facelo de todo o libro, senón da introdución, da conclusión e dos capítulos 1-4.
Para abordar a lectura do libro facédeo sempre cun papel e cun lapis ao voso carón, apuntando as cousas que vos parezan interesantes (sempre co número de páxina). Se o libro é voso non dubidedes en subliñar e escribir por riba del.

A DATA DE ENTREGA SERÁ O DÍA 2 DE MAIO

mércores, 21 de febreiro de 2018

martes, 20 de febreiro de 2018

venres, 16 de febreiro de 2018

Glosario Bloque 7 (O espazo rural e as actividades do sector primario)

Acuicultura

Conxunto de actividades que, mediante algún tipo de intervención no ciclo biolóxico ou no medio no que habitan os peixes ou plantas permiten controlar a súa reprodución e/ou o seu crecemento. É moi significativa en Galicia, e está restrinxida a un pequeno abano de especies, en función da súa importancia económica e do desenvolvemento dunha tecnoloxía axeitada e limitada especialmente á beiramar ou ás augas continentais.

Agricultura ecolóxica

Sistema para cultivar unha explotación agrícola, baseado na utilización óptima dos recursos naturais e sen empregar produtos químicos de síntese ou organismos xeneticamente modificados (OXMs) -nin como fertilizante nin para combater as pragas-, logrando deste xeito obter alimentos ecolóxicos á vez que se conserva a fertilidade da terra e se respecta o medio.


Denominación de Orixe

Certificación de calidade que se outorga a produtos dun determinado territorio do que toman o seu nome, que asegura certas características comúns que todos teñen que cumprir. Resulta cada vez máis común en produtos agrarios (viños, aceites, carnes, legumes, queixos, doces).

Desagrarización

Concepto que fai referencia á perda de poboación adicada á actividade agraria, así como á perda de importancia da actividade agrícola nun territorio, e o conseguinte debilitamento das institucións sociais vencelladas a esta actividade que organizan diferentes aspectos da vida social. En toda España tense producido este proceso, especialmente desde finais dos anos 70.

Explotación (agraria) intensiva

É aquela explotación agraria que elimina os barbeitos e recorre á produción continua do terreo, estimulada polo emprego de fertilizantes e o regadío artificial. Este tipo de agricultura intensiva obtén unha forte produtividade, sobre terreos moitas veces de extensión reducida. É moi habitual no litoral mediterráneo, especializado na horticultura.


Política Pesqueira Comunitaria (PPC)

Política europea que vai encamiñada a unha explotación substentábel do medio mariño e dos seus recursos e a fomentar a cría de especies polo sistema da acuicultura, así como a negociar acordos con países non comunitarios para poder pescar nos seus caladoiros.

Silvicultura

Actividade que trata do cultivo de montes e bosques. A práctica máis habitual da silvicultura é o aproveitamento forestal de espazos destinados á produción de madeiras, leña ou resinas, pero que tamén poden ter un efecto positivo na protección de cuncas hidrográficas, a conservación de hábitats naturais -susceptíbeis de integrarse en parques naturais protexidos- e o desenvolvemento de espazos recreativos.


Transxénicos

Plantas modificadas xeneticamente, é dicir, sometidas a unha alteración dos seus xenes procedentes doutros organismos para dotalas de certas propiedades: resistencia ás malas herbas e a certas pragas, maior rendementos, etc.

Glosario Bloque 6 (A poboación española)

Poboación Activa

É aquel sector da poboación que se atopa en idade apta para traballar (16-65 anos). Se está empregada denomínase poboación activa ocupada; se está en paro poboación activa desocupada ou desempregada.

Esperanza de Vida

É o cálculo de número de anos que un individuo pode agardar vivir, ben no momento de nacer ou cando atinxe unha determinada idade, sempre que os niveis de mortalidade permanezan constantes. En España, en 2017, a esperanza de vida media era de 83 anos (85,6 para as mulleres e 80,3 para os homes).


Réxime Demográfico

Período correspondente ao modelo de transición demográfica cunhas determinadas características canto á natalidade, á mortalidade e ao crecemento natural ou vexetativo. Distínguense: 1) o antigo réxime demográfico, con altas taxas de natalidade e mortalidade e crecemento vexetativo escaso; 2) o réxime demográfico moderno, con taxas de natalidade e mortalidade moi baixas.


Censo de Poboación

É un documento no que se reconta a poboación dun país nun momento determinado, achéganos información sobre o volume de poboación dun lugar, a súa composición por sexo e por idades, estado civil, tamaño das familias, nivel de estudos, renda, etc.


Crecemento Vexetativo 

O crecemento vexetativo ou crecemento natural dunha poboación é a diferenza entre o número de nacementos e o número de defuncións nunha poboación durante un período de tempo determinado. Se o número de nacementos nun ano é superior ao número de defuncións o crecemento vexetativo ou natural é positivo. En cambio, cando o número de nacementos é inferior ao de defuncións pode falarse de crecemento vexetativo ou natural negativo. En España é dun 0,04 (2017) e en Galiza dun


Taxa de Fecundidade

A taxa de fecundidade xeral pon en relación o número de nacidos vivos nun ano determinado co número de mulleres en idade de procrear, isto é, entre os 15 e os 49 anos.


Transición demográfica

É un modelo que describe os cambios demográficos acontecidos ao longo do tempo nos países desenvolvidos: transición desde unha situación de altas taxas de natalidade e mortalidade a outra caracterizada por un descenso delas, pasando pola fase intermedia, de descenso da mortalidade antes que a natalidade, permitindo un rápido crecemento demográfico.


Padrón municipal

Rexistro que leva a cabo cada concello sobre a poboación que vive no seu municipio. Contén tamén información sobre as características da poboación, aínda que algo menos detallada cá do censo. A súa principal vantaxe é a de tratarse dun rexistro vivo, dinámico, xa que cando unha persoa se traslada a vivir a outro municipio, ten a obriga legal de empadroarse nel. De aí que sexa denominado padrón continuo de poboación. Isto quere dicir que en calquera momento se pode coñecer a poboación dun municipio, así como as súas principais características, polo que é un dato de vital importancia para os concellos, xa que reciben máis ou menos financiamento en función da poboación que teñan.

mércores, 31 de xaneiro de 2018

martes, 16 de xaneiro de 2018

Glosario bloques 4 e 5 (Hidrografía e Paisaxes naturais)

Cunca fluvial

Cunca fluvial ou hidrográfica é a porción de terreo que drena a un colector principal (río ou lago), limitada por unha liña de cumes ou "divisoria de augas" -liña desde a que as augas correntes flúen en direccións opostas, e que soen coincidir nos niveis máis elevados de determinados sistemas montañosos-.

Estiaxe

Caudal mínimo que acada un río ou lagoa en determinadas épocas do ano, debido especificamente á seca. O termo deriva de estío ou verán, período do ano no que se producen as mínimas precipitacións no clima mediterráneo, predominante na Península Ibérica. A estiaxe está relacionada non só ao réxime de precipitacións, senón tamén ao incremento da evapotranspiración por elevación das temperaturas medias.

Marisma

É un ecosistema húmido con plantas herbáceas que medran na auga. A marisma, próxima ao mar, inúndase con augas doces e mariñas, que ao mesturarse producen auga salobre. Habitualmente aparece separa do mar por medio dunha restinga ou cordón litoral. Un exemplo en España son as marismas do Guadalquivir.



Avaliación de impacto ambiental

É un procedemento técnico-administrativo que permite identificar os posíbeis efectos ambientais dunha actividade ou acción humana no seu entorno cando aínda está na fase de proxecto, propoñendo medidas para evitalos, reducilos ou compensalos. Por exemplo, antes de realizar unha estrada, unha presa ou un porto, analízanse as posíbeis consecuencias ambientais e establécense medidas para diminuír ou efectos negativos que a obra poida ter sobre o medio.

Ecosistema

É unha comunidade natural, integrada por un biotopo (substrato inorgánico, abiótico) e a biocenose (conxunto de seres vivos residentes nun mesmo biotopo), que se relacionan e establecen intercambios de enerxía entre eles.

Efecto invernadoiro

Fenómeno polo cal determinados gases, que son compoñentes da atmosfera planetaria, reteñen parte da enerxía emitida polo solo despois de ser quentado pola radiación solar. Actualmente, a emisión de certos gases como o CO2 ou o metano, causada polo incremento da actividade industrial humana, vese acentuada, tendo como consecuencia máis visíbel o incremento da temperatura media da Terra, o que podería influír a medio prazo no cambio climático.

Paisaxe

É o aspecto que adquire o espazo xeográfico. Toda paisaxe está formada por elementos que se artellan entre si: abióticos (non vivos), bióticos (resultado da acción dos seres vivos) e antrópicos (resultado da actividade humana). Habitualmente as paisaxes clasifícanse en naturais ou humanizadas, aínda que a maioría son mixtas.

xoves, 11 de xaneiro de 2018

O 80% de España, en risco de converterse en deserto este século polo cambio climático (eldiario.es, 20/03/2017)

  • Un informe do Ministerio de Medio Ambiente advirte que, a este ritmo, tres millóns de hectáreas das zonas húmidas pasarán a áridas ao chegar 2100

  • O documento admite que a "desertificación é xa un problema real" en máis de dous terzos do territorio, agravado pola falta de choivas e as precipitacións máis altas

  •  O desequilibrio entre a auga dispoñíbel e o que se evapora supón unha maior presión sobre os recursos hídricos, perda de biodiversidade e menor produción agrícola 



 Para saber máis:
España, un territorio camiño da desertificación (El Mundo, 17/06/2016)
A desertificación en España (MAPAMA) 
Risco de desertificación por Comunidades Autónomas 
A desertificación sigue avanzando en España (Levante, 17/06/2017) 
Desertificación en España: unha perspectiva crítica (Ecoloxistas en Acción) 
Evolución do risco de desertificación (mapa) 


mércores, 10 de xaneiro de 2018

Os últimos descubrimentos, bulos e datos sobre o cambio climático para afrontar 2018

-Tras a saída dos EEUU do Acordo de París, todos os ollos están postos en China, que este ano comezará a operar o primeiro dos oito proxectos de captura de carbono a gran escala para reducir as súas emisións.
-Hai quen continúa a insistir que non existe consenso científico sobre os efectos do quecemento global malia a evidencia.
-Algunhas organizacións comezar a plantexarse demandar a empresas que minusvaloraron de forma consciente e interesada a súa importancia.

                                                                                                            (continuar a ler)


martes, 9 de xaneiro de 2018

Ames nos medios: "Milleiros de árbores bombeiras protexerán as casas nun municipio galego" (eldiario.es, 08/01/2018)

Ames, próximo a Santiago, aprobou a plantación de 4.200 árbores caducifolios, que retrasan a propagación dos incendios.



O Concello de Ames, próximo a Santiago, plantará arredor de 4.200 árbores caducifolios -castiñeiros, abeleiros, nogueiras, cerdeiras- para loitar contra os incendios. A actuación, que ten un custo de 51.000 euros, procura "crear unha barreira natural contra o lume" e "darlle un impulso ao aumento da biodiversidade, que sofre unha merma nos terreos de monocultivos de coníferas e eucaliptais". (continuar a ler).

Pregunta teórica: Repercusións ambientais da acción humana

Nesta ligazón tedes á vosa disposición a resposta á pregunta teórica do bloque 5 (As paisaxes naturais e as relacións entre natureza e sociedade).

Pregunta teórica: A problemática dos recursos hídricos en España e posíbeis solucións

Nesta ligazón tedes a resposta á pregunta teórica do bloque 4 (A hidrografía).