martes, 16 de xaneiro de 2018

Glosario bloques 4 e 5 (Hidrografía e Paisaxes naturais)

Cunca fluvial

Cunca fluvial ou hidrográfica é a porción de terreo que drena a un colector principal (río ou lago), limitada por unha liña de cumes ou "divisoria de augas" -liña desde a que as augas correntes flúen en direccións opostas, e que soen coincidir nos niveis máis elevados de determinados sistemas montañosos-.

Estiaxe

Caudal mínimo que acada un río ou lagoa en determinadas épocas do ano, debido especificamente á seca. O termo deriva de estío ou verán, período do ano no que se producen as mínimas precipitacións no clima mediterráneo, predominante na Península Ibérica. A estiaxe está relacionada non só ao réxime de precipitacións, senón tamén ao incremento da evapotranspiración por elevación das temperaturas medias.

Marisma

É un ecosistema húmido con plantas herbáceas que medran na auga. A marisma, próxima ao mar, inúndase con augas doces e mariñas, que ao mesturarse producen auga salobre. Habitualmente aparece separa do mar por medio dunha restinga ou cordón litoral. Un exemplo en España son as marismas do Guadalquivir.



Avaliación de impacto ambiental

É un procedemento técnico-administrativo que permite identificar os posíbeis efectos ambientais dunha actividade ou acción humana no seu entorno cando aínda está na fase de proxecto, propoñendo medidas para evitalos, reducilos ou compensalos. Por exemplo, antes de realizar unha estrada, unha presa ou un porto, analízanse as posíbeis consecuencias ambientais e establécense medidas para diminuír ou efectos negativos que a obra poida ter sobre o medio.

Ecosistema

É unha comunidade natural, integrada por un biotopo (substrato inorgánico, abiótico) e a biocenose (conxunto de seres vivos residentes nun mesmo biotopo), que se relacionan e establecen intercambios de enerxía entre eles.

Efecto invernadoiro

Fenómeno polo cal determinados gases, que son compoñentes da atmosfera planetaria, reteñen parte da enerxía emitida polo solo despois de ser quentado pola radiación solar. Actualmente, a emisión de certos gases como o CO2 ou o metano, causada polo incremento da actividade industrial humana, vese acentuada, tendo como consecuencia máis visíbel o incremento da temperatura media da Terra, o que podería influír a medio prazo no cambio climático.

Paisaxe

É o aspecto que adquire o espazo xeográfico. Toda paisaxe está formada por elementos que se artellan entre si: abióticos (non vivos), bióticos (resultado da acción dos seres vivos) e antrópicos (resultado da actividade humana). Habitualmente as paisaxes clasifícanse en naturais ou humanizadas, aínda que a maioría son mixtas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario