martes, 12 de decembro de 2017

Riadas nos montes galegos queimados

Neste vídeo podedes ver os efectos que tiveron as fortes precipitacións rexistradas estes días por mor da borrasca Ana nos montes galegos ardidos nos últimos meses. Nas zonas queimadas de forte pendente a ausencia de vexetación fai que non haxa nada que "agarre" a terra ao chan, que atenúe o poder erosivo da auga. 
As consecuencias ecolóxicas disto son desastrosas. En primeiro lugar, estas zonas de pendente quedan desnudas, polo que resulta moi difícil que se recupere a cuberta vexetal anterior ao lume. Unha segunda consecuencia é a contaminación dos ríos coa cinza, e os efectos que isto ten sobre a fauna e a flora que habita nos ríos e, incluso, na dispoñibilidade de recursos hídricos para os seres humanos. Por último, se nos atopamos preto do mar, esta contaminación pode propagarse ás rías, con efectos particularmente nocivos sobre os bancos marisqueiros.
Como vedes, os efectos dos lumes nos nosos montes non se limitan á destrución inmediata da fauna e da flora que habita neles, senón que se deixan sentir pasadas semanas ou meses, e en zonas moi afastadas do lugar do incendio.
Este vídeo foi filmado na serra do Xurés, na comarca ourensá da Baixa Limia, moi preto da raia con Portugal.

sábado, 25 de novembro de 2017

VÍDEO: A orixe dos ventos


Glosario bloque 3 (A diversidade climática e a vexetación)

Aridez

A aridez é a ausencia ou escaseza de humidade. Aumenta coa temperatura e coa escaseza de precipitacións. Existen unha serie de fórmulas para determinar o grao de aridez dun clima nun lugar concreto. Entre elas pódese citar o de Gaussen, que indica que un mes é árido cando o valor da precipitación é igual ou menor a dúas veces o valor da temperatura (P≤2T).


Barlovento

 É a parte do relevo ou zona orientada cara ao lugar de onde vén o vento. É dicir, a aba dun relevo montañoso exposta ao fluxo ascendente do vento. Ao elevarse o aire arrefría, condensa o vapor de auga que contén e produce precipitacións. En Galicia, cando domina o fluxo zonal do oeste, a vertente de barlovento é a occidental. Oponse a sotavento.


Inversión térmica

Incremento de temperatura do ar ao aumentar a altura, cando debera de diminuír polo gradiente térmico normal. Deste xeito, atopamos o ar máis cálido sobre o ar máis frío. A nível do solo é resultado da irradiación nocturna con ar en calma e ceo despexado nunha situación anticiclónica invernal, na que se produce unha perda rápida de calor do solo. Estas inversións son moi intensas no fondo dos vales.


Isóbara

É unha isoliña que, nun mapa meteorolóxico en superficie, une os puntos que teñen a mesma presión atmosférica ao nível do mar. Habitualmente represéntanse os múltiplos de 4 hPa (hectopascais) ou mb (milibares), unidade de medida da presión. Cando o seu valor supera a presión normal (1013 mb) constitúen anticiclóns, cando se sitúa por baixo borrascas.


Isohieta 

É unha liña imaxinaria que, nun mapa, une puntos con iguais valores de precipitacións. O seu valor exprésase en milímetros (mm). En España os valores máis elevados (superiores a 800 mm) corresponden ás zonas montañosas e ao norte peninsular, e os valores máis baixos (inferiores a 300 mm) danse no sudeste peninsular e nas illas de Lanzarote e Fuerteventura.


Umbría

É unha zona que, pola súa orientación, está sempre en sombra. As súas temperaturas máis baixas adoitan traducirse en diferenzas de vexetación, sendo os bosques máis amplos. En España é a orientada ao norte.

Landa

Formación vexetal de matogueira, característica da rexión eurosiberiana e como consecuencia da degradación do bosque mixto atlántico. Está formado por matogueiras como a xesta, o toxo e o breixo, podendo atinxir os 3 metros de altura. É característica da España húmida, asentándose en solos pobres e pouco aptos para o cultivo.


Laurisilva

É un bosque nuboso subtropical, propio de lugares húmidos, cálidos e sen xeadas, con grandes árbores, que en España se dá nas illas Canarias, máis concretamente nas vertentes setentrionais das illas occidentais de maior elevación, alí onde o “mar de nubes” -determinado pola afluencia dos alisios- permite o seu crecemento.. A cuberta vexetal caracterízase pola exuberancia, con presenza de árbores perennifolias que poden acadar ata os 40 m. de altura.


Maquis ou maquia

É unha formación arbustiva densa típica do clima mediterráneo, que pode atinxir dous metros de altura, composta por plantas con pouca necesidade de auga (esclerófilas), como a xara, o brezo, o lentisco ou a retama.

Vexetación clímax

É a vexetación que se estableceu por si mesma nun lugar, cunhas determinadas condicións climáticas, en ausencia de intervencións antrópicas durante un prolongado período de tempo, é dicir, en estado de equilibrio cun ecosistema local.

Vexetación antrópica

É aquela que substitúe á vexetación natural por mor da acción do ser humano polo seu valor económico, ou ben pola degradación da cuberta vexetal existente. Cando a vexetación dunha zona é resultado da acción humana denomínase vexetación secundaria. Un exemplo sería a repoboación con piñeiros e eucaliptos na paisaxe vexetal de clima oceánico.

As paisaxes vexetais de España

xoves, 23 de novembro de 2017

PORTUGAL: Há 28 um povo lutou contra os eucaliptos. E a terra nunca mais ardeu

Em 1989 houve uma guerra no vale do Lila, em Valpaços. Centenas de pessoas juntaram-se para destruir 200 hectares de eucaliptal, como medo que as árvores lhes roubassem a água e trouxessem o fogo. A polícia carregou sob a populaçao, mas o povo nao se removeu. (continuar a ler)


VÍDEO: Diferenzas entre un bosque autóctono e un bosque de eucaliptos

Preséntovos este video por cortesía da Asociación Boca de Sapo, de Corcubión, que conseguiu que se declarara "concello libre de eucaliptos". Tamén podedes seguir a súa canle de Youtube.



mércores, 22 de novembro de 2017

ACTIVIDADE VOLUNTARIA: Elaboración e comentario dun climograma

Como construír un climograma?

1. Coa axuda dunha regra, traza o eixo horizontal e divídeo en doce partes iguais, unha por cada mes do ano. Escribe debaixo as iniciais dos meses.

2. Logo, debuxa o eixo vertical. Primeiro, no eixo vertical esquerdo representa as temperaturas en intervalos regulares e anota os valores, de cinco en cinco ou de dez en dez graos.

3. Despois, no eixo vertical dereito anótanse os valores das precipitacións. Lembra que o valor das precipitacións debe ser o dobre do da temperatura á mesma altura.

4. Traslada os valores das temperaturas ao gráfico, debuxando un punto á altura correspondente no centro de cada mes. Cando remates, une todos os puntos cunha liña vermella.

5. Traslada os valores das precipitacións ao gráfico. A altura de cada barra indicará as precipitacións totais de cada mes.


Os datos para a elaboración do climograma son os seguintes:




DATA DE ENTREGA (LÍMITE): 05/12/2017

martes, 21 de novembro de 2017

As consecuencias do clima: "Pobreza e morte pola seca en Marrocos" (El País, 21/11/2017)

A aldea onde un reparto de comida causou a estampida mortal sofre dez anos sen choiva.


Tras a tráxica estampida que o domingo causou 15 mortos nunha vila do sur de Marrocos entre unha multitude que agardaba recibir comida humanitaria agóchase outra catástrofe: a persistente seca que dura xa dez anos en algunhas zonas do país.(Continuar a ler)

luns, 20 de novembro de 2017

Anticiclón de verán

 Comentario Anticiclón de Verán  (ligazón)

ABAU setembro 2012. Opción B. Mapa de temperaturas

2. Atendendo ao documento, conteste (puntuación máxima de 4 puntos):
a) Localice cinco sistemas montañosos con temperaturas medias inferiores a 7,5ºC (1 punto).
b) Comente o documento atendendo ás seguintes cuestións:
-Identifique o documento e relacione as áreas coas mesmas temperaturas coas zonas xeográficas ás que correspondan. (1 punto)
-Explique os factores xeográficos e termodinámicos que condicionan as áreas con temperaturas superiores a 15ºC (1 punto).
 -Relacione as áreas de temperaturas inferiores a 15ºC cos dominios climáticos aos que corresponden (1 punto).
SOLUCIÓN na páxina 14

ABAU xuño 2013. Opción B. Advección do Oeste

2.Atendendo aos documentos, conteste (puntuación máxima de 4 puntos):
a) Localice as provincias numeradas do 1 ao 4 (Figura 2), indicando cales están en alta e cales están en baixa presión (1 punto).
b) Comente o documento (Figura 1) seguindo as seguintes cuestións:
- Identifique o tipo de documento, as figuras isobáricas, frontes e a localización - grandes trazos- dos mesmos (1 punto).
- Masas de aire e ventos dominantes nas distintas áreas de España (1 punto).
  -Situación meteorolóxica e tipos de tempo que cabe esperar nas comunidades de Galicia e de Canarias, significando as diferenzas de temperatura, humidade e precipitación (1 punto).
SOLUCIÓN na páxina 8 do documento

Advección do Oeste 

ABAU setembro 2014. Opción B. Mapa de precipitacións

2. Atendendo ao documento, conteste (puntuación máxima de 4 puntos):
a) Localice cinco sistemas montañosos con precipitacións acumuladas anuais superiores a 1.000 mm (1 punto).
b) Comente o documento atendendo ás seguintes cuestións:
-Identifique o documento e relacione as áreas coas mesmas precipitacións acumuladas coas zonas xeográficas ás que correspondan (1 punto).
-Explique os factores xeográficos e termodinámicos que condicionan as áreas con precipitacións acumuladas superiores aos 1.000 mm (1 punto)
  -Relacione as áreas con precipitacións acumuladas inferiores aos 400 mm cos dominios climáticos aos que correspondan (1 punto).

SOLUCIÓN na páxina 17 do documento

ABAU setembro 2017. Opción B. Tempo do Norte

2.- Atendendo ao documento, conteste (puntuación máxima de 4 puntos):
a) Localice e identifique as provincias numeradas do 1 ao 4, indicando cales están en alta e cales en baixa presión (1 punto).
b) Comente o mapa do tempo Seguindo as seguintes cuestións:
•Identifique o tipo de documento, as figuras isobáricas, frontes e a localización –a grandes trazos- dos mesmos (1 punto).
•Masas de aire e ventos dominantes nas distintas áreas de España (1 punto).
   •Situación meteorolóxica e tipos de tempo que cabe esperar no norte peninsular (1 punto)

Solución na páxina 23 do documento

domingo, 19 de novembro de 2017

A seca, por que non chove en España?

Aemet explica por que se desvían as borrascas e as súas frontes cara o norte e o sur da península Ibérica

As reservas de auga dos encoros españois están no nivel máis baixo dos últimos 22 anos e continúa sen chover. Por que non chove? Aemet explicou este venres que un anticiclón situado sobre a península Ibérica fai de "efectiva barreira contra as choivas" que "desvía as borrascas e as súas frontes cara o norte e o sur das nosas latitudes".(continuar a ler)


Así asolagaría o cambio climático as rías galegas (GCiencia, 13/11/2017)

Unha aplicación de Climate Central permite ver no 2100 A Coruña sen porto, Vigo sen Samil ou a Illa de Arousa desaparecida (continuar a ler)


venres, 17 de novembro de 2017

Cadro resumo de contidos ABAU (NOVO)

Desde a comisión de Xeografía da CiUG envíannos un novo cadro resumo coas preguntas teóricas, os prácticos e os conceptos deste ano.

mércores, 15 de novembro de 2017

Presentacións: "Os tipos de clima en España"


A reserva de auga do Miño e do Douro en mínimo histórico


A seca que padece España tres anos consecutivos con menos choivas do normal golpea especialmente ao Noroeste da Península. Os encoros das concas do Douro e do Miño nunca -desde que comezaran en 1990 os rexistros fiábeis do Ministerio de Agricultura- tiveran un nivel tan baixo. En concreto, o Douro está ao 29,8% e o Miño ao 38,6%. O conxunto da reserva peninsular está ao 37,2%, segundo os datos difundidos este martes polo ministerio. Hai que remontarse até 1995 para atopar unha reserva máis baixa por estas mesmas datas (...) Continuar a ler

luns, 13 de novembro de 2017

O Sahara pasou a ser un deserto de súpeto hai 5500 anos (GCiencia, 10/11/2017)

 Un investigador da UVigo participa nun gran estudo sobre o fenómeno publicado en Nature Communications


O Sáhara non sempre foi sinónimo de deserto. A comunidade científica ten rexistros que demostran que cando menos houbo tres períodos nos que foi unha zona húmida. O máis recente deles, chamado Período Húmido Africano, estímase que se desenvolveu entre hai 10.000 e 5000 anos. Un grupo de investigadores de varias institucións europeas (...) Preme para continuar

 

Resumo Bloque 3: O clima

Nesta ligazón tedes, de xeito moi sintético, un resumo dos contidos da primeira parte do tema, é dicir: factores e elementos do clima e diversidade climática en España.

Vídeos para aprender a comentar mapas do tempo

Nesta ligazón ensínasevos, de xeito moi claro, como comentar diferentes mapas meteorolóxicos. Aquí tedes un exemplo:



domingo, 29 de outubro de 2017

Glosario bloque 2 (O relevo español e a súa diversidade xeomorfolóxica)

Aluvión

Material case sempre detrítico transportado e depositado, transitoria ou permanentemente, por unha corrente de auga. Pode estar composto por grava, area, arxila ou limo. Acumúlase en abanos fluviais, leitos fluviais, chairas aluviais ou deltas.

Foz

Corte profundo, case vertical, que pode chegar a formar un río ao circular sobre materiais duros. Son formas propias do relevo cárstico e do relevo sobre rochas metamórficas.

Litosfera

É a capa superficial sólida da Terra. Está formada pola codia e a parte máis externa do manto, e sitúase por riba da astenosfera, unha capa "plástica" que forma parte do manto superior. Está formada pola codia continental, con entre 20 e 70 km de espesor, e a codia oceánica, cuns 10 km de espesor. Está fragmentada en placas tectónicas.

Meseta

Superficie plana de gran extensión, horizontal ou lixeiramente basculada, elevada con respecto ao nivel do mar. Apenas presenta accidentes topográficos de importancia e os seus rebordos poden ser montañosos. Na Península Ibérica, a Meseta Central é a principal unidade do relevo. É un resto do antigo macizo xurdido na oroxénese herciniana, posteriormente arrasado pola erosión e afectado e deformado polo movemento alpino.

Penechaira

É unha ampla chaira case uniforme, que, por efecto dunha prolongada erosión, presenta unha superficie suavemente ondulada, sen apenas diferenzas de altura entre os vales e os interfluvios. Está formado por materiais antigos e erosionados. Na Península Ibérica as penechairas zamorano-salmantina e extremeña conforman superficies de erosión sobre rochas paleozoicas con escasas pendentes.

Somonte

Terreo ou rexión situada ao pé dunha montaña. Na Península Ibérica, o exemplo máis característico é a área de transición entre o fondo da depresión do Ebro e os Pireneos, tamén coñecida como Prepireneo. Nesta área, unha serie de materiais calcáreos depositados no fondo mariño e pregados tras a oroxenia alpina, deron lugar a relevos montañosos suaves.

Tectónica de placas

Teoría xeolóxica que explica os diferentes fenómenos xeolóxicos a partir dos movementos das placas litosféricas ríxidas sobre a aenosfera branda, que se deben ás correntes de convección existentes no manto.

Esteiro

É a parte máis ancha e profunda da desembocadura dun río no mar aberto ou no océano, xeralmente en zonas onde as mareas teñen amplitude e oscilación. Os esteiros orixínanse pola entrada de augas mariñas durante a pleamar, mentres que durante a baixamar todas as augas comezan a entrar a grande velocidade no mar ou océano, o que contribúe a limpar e afondar o seu cauce, deixando, ás veces, grandes zonas de marismas.

Ría

É un val fluvial sumerxido baixo o nivel do mar a causa da elevación deste. A orixe xeomorfolóxica está relacionada cun asulagamento do val fluvial relacionado con movementos isostáticos e un afundimento tectónico asociado á rede de fracturas preexistentes. No caso galego, as fracturas tardihercínicas están na orixe da orientación da meirande parte das nosas rías.

Tómbolo

É un accidente xeográfico sedimentario que forma unha estreita lingua de terra entre un illote, illa ou rocha grande afastada da costa e terra firme, ou entre dúas illas ou illotes. A orixe está na acumulación areosa producida pola acción das mareas, que foron creando un espazo de unión entre áreas anteriormente afastadas.

Zócolo

Relevos de chaira ou de meseta formados durante a Era Primaria ou Paleozoico. Son os máis antigos da Península Ibérica e están formados por rochas moi ríxidas que, cando hai movementos internos da Terra, non se pregan senón que se fracturan en bloques.

Macizos Antigos

Son montañas formadas na Era Terciaria por novos levantamentos dun bloque dun zócolo como consecuencia dos movementos oroxénicos alpinos. En España, son macizos antigos as serras interiores da Meseta, o Macizo Galaico-Leonés e a parte occidental da Cordilleira Cantábrica.

Cordilleiras de pregamento

Son grandes elevacións montañosas xurdidas coa oroxénese alpina na Era Terciaria polo pregamento de materiais sedimentarios depositados polo mar nos rebordos dos zócolos (cordilleiras intermedias) ou en foxas mariñas (cordilleiras alpinas). Na Península, o Sistema Ibérico é unha cordilleira intermedia, mentres que os Pireneos é unha cordilleira alpina.

Concas sedimentarias

Son zonas depresionarias formadas durante a Era Terciaria polo afundimento dun bloque dun zócolo como consecuencia das presións oroxénicas alpinas. Posterioremente, enchéronse de sedimentos e hoxe son relevos horizontais ou suavemente inclinados. Na Península Ibérica destacan as concas do Douro ou do Texo.


mércores, 25 de outubro de 2017

Como comentamos unha folla do Mapa Topográfico Nacional?



1. Un mapa é unha representación da superficie esférica da Terra sobre un plano. Hai dous tipos de mapas: básicos e temáticos. Un mapa básico obtense de realizar medicións directas da superficie terrestre mediante diversos procedementos. Os máis empregados son os mapas topográficos, como, por exemplo, o Mapa Topográfico Nacional (MTN). Un mapa temático obtense a partir dos mapas básicos e representan algún fenómeno xeográfico concreto (climas, recursos económicos, relevo, etc.).


2. O MAPA TOPOGRÁFICO NACIONAL (MTN): é un mapa básico que representa os aspectos físicos e humanos máis notábeis dunha determinada zona do territorio español. 


Pasos a seguir para o comentario dunha folla do MTN(pincha aquí)

Tamén tedes á vosa disposición dos mapas topográficos das áreas de Betanzos e Santiago de Compostela.


Ademais, aquí tedes unha presentación máis completa sobre como facer un comentario dun mapa topográfico:





luns, 23 de outubro de 2017

O Teide: cen anos agardando unha erupción


El Teide: cien años esperando una erupción (El Español, 09/10/2017) (preme ligazón)

Presentación BLOQUE 2 (O relevo español: a súa diversidade xeomorfolóxica)


IMPORTANTE: Novas directrices xerais

O grupo de traballo de Xeografía da CiUG vén de publicar o día 18 de outubro unhas novas directrices para as ABAU.
A estrutura da proba será a mesma que no curso pasado, alterándose unicamente a puntuación das preguntas práctica e teórica, de xeito que os contidos teóricos e prácticos do exame teñan o mesmo peso. Serán cinco puntos na proba para cada unha desas partes: 2 puntos de vocabulario, 5 puntos a pregunta práctica e 3 puntos o tema. Estas mudanzas terán unha traslación automática ás probas que realizaremos ao longo do curso.
Así mesmo, prodúcese unha reorganización dos contidos, que iremos comentando nos próximos días.
Na ligazón que se axunta a continuación podedes ver estes cambios polo miúdo. Ademais, tedes á vosa disposición, ao final do documento, un modelo de exame.


Xeografía DX ABAU 2018 (NOVAS, 18/10/2018) (Preme na ligazón)

domingo, 22 de outubro de 2017

Tema 1: Evolución xeomorfolóxica da Península Ibérica e das Illas Canarias e Baleares. Tipos de unidades morfoestruturais

Tema 1 en formato PDF para descargar.

Tema 1. Xeografía 2º BAC (preme na ligazón)

Comentario do Perfil Norte-Sur da Península Ibérica (resolto)


Comentario RESOLTO do perfil Norte-Sur da Península Ibérica (premer ligazón)

Comentario do mapa litolóxico de España

Aquí vos deixo un comentario do mapa litolóxico de España. Á hora de organizalo discrepo de algún punto, como o de incluír as formas de modelado, pero agardo que, de todos xeitos, vos resulte útil.




Comentario mapa litolóxico España (premer ligazón)

Os tipos de modelado (pdf)

Os tipos de modelado (pdf)

martes, 10 de outubro de 2017

Substratos litolóxicos e solos na Península Ibérica

Fixádevos na correspondencia entre os diferentes substratos litolóxicos e os tipos de solo.





Substrato litolóxico da Península Ibérica


Solos da Península Ibérica


luns, 9 de outubro de 2017

Práctica 1: Mapa do PIB per cápita en Europa e no mundo (RESOLTO)


Práctico 1: Mapa do PIB per cápita en Europa e no mundo resolto (ligazón) (09/10/2017)

Que é a xeopolítica?


Glosario bloque 12

Comisión Europea

É unha das principais institucións da Unión Europea (UE), equivalente ao seu poder executivo, e que representa e defende os intereses desta no seu conxunto. Elabora o orzamento, propón nova lexislación, asegura o cumprimento dos tratados e dos acordos, a posta en práctica das políticas comunitarias e o uso dos fondos europeos. Está composto por 28 membros, un por cada Estado da UE, que se ocupan dun ámbito específico. O seu presidente é proposto polo Consello Europeo e elixido polo Parlamento Europeo para un mandato de cinco anos.


Movementos antiglobalización

É un amplo conxunto de movementos sociais formado por activistas provenientes de distintas correntes políticas, que a finais do século XX converxeron na crítica social ao proceso de globalización. Acusan ao actual proceso de globalización de beneficiar ás grandes multinacionais e aos países máis ricos, acentuando a precarización do traballo e consolidando un modelo de desenvolvemento inxusto e insubstentábel. Tamén o acusa de socavar a capacidade democrática dos Estados, entre outros aspectos negativos.


Obxectivos de desenvolvemento substentábel

Os obxectivos de desenvolvemento substentábel (ODS), tamén coñecidos como Obxectivos Mundiais, son 17 propósitos de desenvolvemento humano fixados pola ONU en 2015. Estes 17 obxectivos baséanse nos logros dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (2000), aínda que inclúen novas esferas como o cambio climático, a desigualdade económica, a innovación, o consumo substentábel e a paz e a xustiza, entre outras prioridades.


Xeopolítica

A xeopolítica é unha disciplina que estuda todo o relativo ao territorio e os seus recursos, así como as relacións que se dan entre estes e os poderes establecidos (Estados, poderes económicos, políticos, sociais ou relixiosos), e as relacións que se dan entre estes poderes e os territorios.

xoves, 5 de outubro de 2017

Práctico 1: Mapa do PIB per cápita en Europa e no mundo




Países por PIB per cápita



Como comentamos un mapa temático?



O comentario do mapa debe seguir os seguintes pasos:

a)    Aspectos xerais:
      Observación e lectura do mapa
      Identificación do tipo de fonte: comentar que tipo de mapa estamos a analizar.
      Fenómeno xeográfico representado: consultamos o título do mapa; referímonos ao espazo xeográfico no que se centra e a data. Fonte de procedencia de datos, se consta.

b)    Comentario:
      Definición do fenómeno xeográfico representado.
      Caracterización da súa localización e distribución: diferenciación das áreas e as características de cada unha delas.
      Explicación do fenómeno ao que se refiren os datos: causas e consecuencias da súa distribución. Se procede, pódese establecer unha comparación con outros países ou territorios do entorno. Por último, indicaranse as previsíbeis tendencias cara o futuro.


c)    Conclusión: mencionaránse os aspectos máis importantes do tema ou temas representados nun breve resumo. Tamén se pode achegar a opinión persoal, sempre que estea ben xustificada e explicada.

luns, 25 de setembro de 2017

Glosario bloque 11

Parroquia

División administrativa menor ca un municipio integrada por varios núcleos de poboación, propia de Galicia e Asturias. É a categoria tradicionalmente recoñecida ás entidades colectivas de poboación. Como tales non teñen entidade xurídica ningunha. En Galicia existen 3781 parroquias, que comprenden desde unha aldea até quince ou máis. O Estatuto de Autonomía de Galicia prevé que, mediante unha lei, se poida recoñecer personalidade xurídica á parroquia rural.

Municipios

O municipio é a entidade territorial básica en España. A súa función é prestarlle servizos aos veciños/as, máis variados canto maior sexa a súa poboación. O goberno e a administración municipal correspóndelle ao concello, integrado polo alcalde/sa e os/as concelleiros/as. As/os concelleiras/os elíxense por sufraxio universal directo, e estes, á súa vez, elixen ao alcalde/sa.


Provincia

A provincia é unha entidade territoral local formada por unha agrupación de municipios. A súa función é fomentar os intereses provinciais, prestar servizos de ámbito provincial, coordinar os servizos dos municipios e cooperar con eles. O goberno e a administración provincial correspóndelle á deputación, integrada por un presidente/a e os/as deputados/as. Os/as deputados/as escóllense entre os/as concelleiros/as electos e estes, á súa vez, elixen ao presidente/a.

Comunidade Autónoma

A comunidade autónoma é unha entidade territorial formada por provincias limítrofes, territorios insulares ou provincias con entidade histórica rexional, dotadas de autonomía lexislativa e capacidade de autogoberno sobre os asuntos da súa competencia. En España hai 17 comunidades autónomas e dúas cidades autónomas.


Estatuto de Autonomía

O Estatuto de Autonomía é a norma legal básica pola que se rexen todas as comunidades autónomas. Neles establécese a súa denominación, delimitación territorial, identificación das institucións autonómicas existentes e a súa localización, así como as competencias que asumen. O Estatuto de Autonomía de Galicia foi promulgado o 6 de abril de 1981.

Tema unidade 13 (A organización política e territorial de España)

Contrastes e políticas rexionais en España

Nesta ligazón tedes o tema da unidade 13

Contrastes e políticas rexionais

Directrices das ABAU

Nesta ligazón tedes as directrices da materia de Xeografía nas ABAU, tanto de xeito detallado coma resumido. Ademais dispoñedes de todo tipo de material desglosado por temas.