domingo, 29 de outubro de 2017

Glosario bloque 2 (O relevo español e a súa diversidade xeomorfolóxica)

Aluvión

Material case sempre detrítico transportado e depositado, transitoria ou permanentemente, por unha corrente de auga. Pode estar composto por grava, area, arxila ou limo. Acumúlase en abanos fluviais, leitos fluviais, chairas aluviais ou deltas.

Foz

Corte profundo, case vertical, que pode chegar a formar un río ao circular sobre materiais duros. Son formas propias do relevo cárstico e do relevo sobre rochas metamórficas.

Litosfera

É a capa superficial sólida da Terra. Está formada pola codia e a parte máis externa do manto, e sitúase por riba da astenosfera, unha capa "plástica" que forma parte do manto superior. Está formada pola codia continental, con entre 20 e 70 km de espesor, e a codia oceánica, cuns 10 km de espesor. Está fragmentada en placas tectónicas.

Meseta

Superficie plana de gran extensión, horizontal ou lixeiramente basculada, elevada con respecto ao nivel do mar. Apenas presenta accidentes topográficos de importancia e os seus rebordos poden ser montañosos. Na Península Ibérica, a Meseta Central é a principal unidade do relevo. É un resto do antigo macizo xurdido na oroxénese herciniana, posteriormente arrasado pola erosión e afectado e deformado polo movemento alpino.

Penechaira

É unha ampla chaira case uniforme, que, por efecto dunha prolongada erosión, presenta unha superficie suavemente ondulada, sen apenas diferenzas de altura entre os vales e os interfluvios. Está formado por materiais antigos e erosionados. Na Península Ibérica as penechairas zamorano-salmantina e extremeña conforman superficies de erosión sobre rochas paleozoicas con escasas pendentes.

Somonte

Terreo ou rexión situada ao pé dunha montaña. Na Península Ibérica, o exemplo máis característico é a área de transición entre o fondo da depresión do Ebro e os Pireneos, tamén coñecida como Prepireneo. Nesta área, unha serie de materiais calcáreos depositados no fondo mariño e pregados tras a oroxenia alpina, deron lugar a relevos montañosos suaves.

Tectónica de placas

Teoría xeolóxica que explica os diferentes fenómenos xeolóxicos a partir dos movementos das placas litosféricas ríxidas sobre a aenosfera branda, que se deben ás correntes de convección existentes no manto.

Esteiro

É a parte máis ancha e profunda da desembocadura dun río no mar aberto ou no océano, xeralmente en zonas onde as mareas teñen amplitude e oscilación. Os esteiros orixínanse pola entrada de augas mariñas durante a pleamar, mentres que durante a baixamar todas as augas comezan a entrar a grande velocidade no mar ou océano, o que contribúe a limpar e afondar o seu cauce, deixando, ás veces, grandes zonas de marismas.

Ría

É un val fluvial sumerxido baixo o nivel do mar a causa da elevación deste. A orixe xeomorfolóxica está relacionada cun asulagamento do val fluvial relacionado con movementos isostáticos e un afundimento tectónico asociado á rede de fracturas preexistentes. No caso galego, as fracturas tardihercínicas están na orixe da orientación da meirande parte das nosas rías.

Tómbolo

É un accidente xeográfico sedimentario que forma unha estreita lingua de terra entre un illote, illa ou rocha grande afastada da costa e terra firme, ou entre dúas illas ou illotes. A orixe está na acumulación areosa producida pola acción das mareas, que foron creando un espazo de unión entre áreas anteriormente afastadas.

Zócolo

Relevos de chaira ou de meseta formados durante a Era Primaria ou Paleozoico. Son os máis antigos da Península Ibérica e están formados por rochas moi ríxidas que, cando hai movementos internos da Terra, non se pregan senón que se fracturan en bloques.

Macizos Antigos

Son montañas formadas na Era Terciaria por novos levantamentos dun bloque dun zócolo como consecuencia dos movementos oroxénicos alpinos. En España, son macizos antigos as serras interiores da Meseta, o Macizo Galaico-Leonés e a parte occidental da Cordilleira Cantábrica.

Cordilleiras de pregamento

Son grandes elevacións montañosas xurdidas coa oroxénese alpina na Era Terciaria polo pregamento de materiais sedimentarios depositados polo mar nos rebordos dos zócolos (cordilleiras intermedias) ou en foxas mariñas (cordilleiras alpinas). Na Península, o Sistema Ibérico é unha cordilleira intermedia, mentres que os Pireneos é unha cordilleira alpina.

Concas sedimentarias

Son zonas depresionarias formadas durante a Era Terciaria polo afundimento dun bloque dun zócolo como consecuencia das presións oroxénicas alpinas. Posterioremente, enchéronse de sedimentos e hoxe son relevos horizontais ou suavemente inclinados. Na Península Ibérica destacan as concas do Douro ou do Texo.


mércores, 25 de outubro de 2017

Como comentamos unha folla do Mapa Topográfico Nacional?



1. Un mapa é unha representación da superficie esférica da Terra sobre un plano. Hai dous tipos de mapas: básicos e temáticos. Un mapa básico obtense de realizar medicións directas da superficie terrestre mediante diversos procedementos. Os máis empregados son os mapas topográficos, como, por exemplo, o Mapa Topográfico Nacional (MTN). Un mapa temático obtense a partir dos mapas básicos e representan algún fenómeno xeográfico concreto (climas, recursos económicos, relevo, etc.).


2. O MAPA TOPOGRÁFICO NACIONAL (MTN): é un mapa básico que representa os aspectos físicos e humanos máis notábeis dunha determinada zona do territorio español. 


Pasos a seguir para o comentario dunha folla do MTN(pincha aquí)

Tamén tedes á vosa disposición dos mapas topográficos das áreas de Betanzos e Santiago de Compostela.


Ademais, aquí tedes unha presentación máis completa sobre como facer un comentario dun mapa topográfico:





luns, 23 de outubro de 2017

O Teide: cen anos agardando unha erupción


El Teide: cien años esperando una erupción (El Español, 09/10/2017) (preme ligazón)

Presentación BLOQUE 2 (O relevo español: a súa diversidade xeomorfolóxica)


IMPORTANTE: Novas directrices xerais

O grupo de traballo de Xeografía da CiUG vén de publicar o día 18 de outubro unhas novas directrices para as ABAU.
A estrutura da proba será a mesma que no curso pasado, alterándose unicamente a puntuación das preguntas práctica e teórica, de xeito que os contidos teóricos e prácticos do exame teñan o mesmo peso. Serán cinco puntos na proba para cada unha desas partes: 2 puntos de vocabulario, 5 puntos a pregunta práctica e 3 puntos o tema. Estas mudanzas terán unha traslación automática ás probas que realizaremos ao longo do curso.
Así mesmo, prodúcese unha reorganización dos contidos, que iremos comentando nos próximos días.
Na ligazón que se axunta a continuación podedes ver estes cambios polo miúdo. Ademais, tedes á vosa disposición, ao final do documento, un modelo de exame.


Xeografía DX ABAU 2018 (NOVAS, 18/10/2018) (Preme na ligazón)

domingo, 22 de outubro de 2017

Tema 1: Evolución xeomorfolóxica da Península Ibérica e das Illas Canarias e Baleares. Tipos de unidades morfoestruturais

Tema 1 en formato PDF para descargar.

Tema 1. Xeografía 2º BAC (preme na ligazón)

Comentario do Perfil Norte-Sur da Península Ibérica (resolto)


Comentario RESOLTO do perfil Norte-Sur da Península Ibérica (premer ligazón)

Comentario do mapa litolóxico de España

Aquí vos deixo un comentario do mapa litolóxico de España. Á hora de organizalo discrepo de algún punto, como o de incluír as formas de modelado, pero agardo que, de todos xeitos, vos resulte útil.




Comentario mapa litolóxico España (premer ligazón)

Os tipos de modelado (pdf)

Os tipos de modelado (pdf)

martes, 10 de outubro de 2017

Substratos litolóxicos e solos na Península Ibérica

Fixádevos na correspondencia entre os diferentes substratos litolóxicos e os tipos de solo.





Substrato litolóxico da Península Ibérica


Solos da Península Ibérica


luns, 9 de outubro de 2017

Práctica 1: Mapa do PIB per cápita en Europa e no mundo (RESOLTO)


Práctico 1: Mapa do PIB per cápita en Europa e no mundo resolto (ligazón) (09/10/2017)

Que é a xeopolítica?


Glosario bloque 12

Comisión Europea

É unha das principais institucións da Unión Europea (UE), equivalente ao seu poder executivo, e que representa e defende os intereses desta no seu conxunto. Elabora o orzamento, propón nova lexislación, asegura o cumprimento dos tratados e dos acordos, a posta en práctica das políticas comunitarias e o uso dos fondos europeos. Está composto por 28 membros, un por cada Estado da UE, que se ocupan dun ámbito específico. O seu presidente é proposto polo Consello Europeo e elixido polo Parlamento Europeo para un mandato de cinco anos.


Movementos antiglobalización

É un amplo conxunto de movementos sociais formado por activistas provenientes de distintas correntes políticas, que a finais do século XX converxeron na crítica social ao proceso de globalización. Acusan ao actual proceso de globalización de beneficiar ás grandes multinacionais e aos países máis ricos, acentuando a precarización do traballo e consolidando un modelo de desenvolvemento inxusto e insubstentábel. Tamén o acusa de socavar a capacidade democrática dos Estados, entre outros aspectos negativos.


Obxectivos de desenvolvemento substentábel

Os obxectivos de desenvolvemento substentábel (ODS), tamén coñecidos como Obxectivos Mundiais, son 17 propósitos de desenvolvemento humano fixados pola ONU en 2015. Estes 17 obxectivos baséanse nos logros dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (2000), aínda que inclúen novas esferas como o cambio climático, a desigualdade económica, a innovación, o consumo substentábel e a paz e a xustiza, entre outras prioridades.


Xeopolítica

A xeopolítica é unha disciplina que estuda todo o relativo ao territorio e os seus recursos, así como as relacións que se dan entre estes e os poderes establecidos (Estados, poderes económicos, políticos, sociais ou relixiosos), e as relacións que se dan entre estes poderes e os territorios.

xoves, 5 de outubro de 2017

Práctico 1: Mapa do PIB per cápita en Europa e no mundo




Países por PIB per cápita



Como comentamos un mapa temático?



O comentario do mapa debe seguir os seguintes pasos:

a)    Aspectos xerais:
      Observación e lectura do mapa
      Identificación do tipo de fonte: comentar que tipo de mapa estamos a analizar.
      Fenómeno xeográfico representado: consultamos o título do mapa; referímonos ao espazo xeográfico no que se centra e a data. Fonte de procedencia de datos, se consta.

b)    Comentario:
      Definición do fenómeno xeográfico representado.
      Caracterización da súa localización e distribución: diferenciación das áreas e as características de cada unha delas.
      Explicación do fenómeno ao que se refiren os datos: causas e consecuencias da súa distribución. Se procede, pódese establecer unha comparación con outros países ou territorios do entorno. Por último, indicaranse as previsíbeis tendencias cara o futuro.


c)    Conclusión: mencionaránse os aspectos máis importantes do tema ou temas representados nun breve resumo. Tamén se pode achegar a opinión persoal, sempre que estea ben xustificada e explicada.