xoves, 31 de maio de 2018

Glosario bloque 10 (O espazo urbano)

Área suburbana

Territorio próximo ás cidades que polas súas características constitúe unha zona de transición entre o núcleo urbano propiamente dito e o espazo rural adxacente.

Área metropolitana

Rexión urbana que engloba unha cidade central que dá nome á área e unha serie de cidades satélites que poden funcionar como cidades dormitorio, industriais, comerciais e servizos, todo organizado de xeito centralizado. Exemplos en Galicia e España son as áreas metropolitanas de Vigo e Barcelona, respectivamente.

Cualificación do solo

É a clasificación en categorías do solo urbano; faise en función do seu uso e establécese no Plan Xeral de Ordenación Urbana; esta pode ser: solo urbano, no que se inclúen os terreos xa urbanizados; solo urbanizable, que comprende os terreos que se queren desenvolver para o desenvolvemento da cidade; e solo no urbanizable, que é o formado polos espazos que se dedicarán á produción agrícola ou á conservación da natureza.

Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOU)

Instrumento de ordenación integral do territorio. Contén a clasificación do solo, definición dos elementos fundamentais da estrutura xeral do territorio (como poden ser fixar os espazos libres, de equipamento comunitario, os sistemas xerais de comunicación, etc.), desenvolvemento, execución e a vixencia do plan. Soe ser municipal, Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).


Unidade Veciñal de Absorción (UVA)

Trátase dunha solución formulada durante os anos 50 e 60 do século XX cando o masivo éxodo rural en Madrid e Barcelona produciu a creación de barrios e poboados chabolistas de crecemento espontáneo por toda a área suburbana destas cidades. Entón comézase a aplicar un plan de absorción do chabolismo horizontal e constrúense barrios de baixo custo con materiais pobres e edificios de moi baixa calidade, que, na práctica, transforman o chabolismo horizontal nun chabolismo vertical de edificios paupérrimos con escasos servizos.

Xentrificación

Proceso de transformación urbana no que a poboación orixinal dun sector ou barrio deteriorado e con pauperismo é progresivamente desprazada por outra dun maior nivel adquisitivo á vez que se renova. O termo é un neoloxismo que procede do inglés "gentrification".

Ningún comentario:

Publicar un comentario