luns, 9 de outubro de 2017

Glosario bloque 12

Comisión Europea

É unha das principais institucións da Unión Europea (UE), equivalente ao seu poder executivo, e que representa e defende os intereses desta no seu conxunto. Elabora o orzamento, propón nova lexislación, asegura o cumprimento dos tratados e dos acordos, a posta en práctica das políticas comunitarias e o uso dos fondos europeos. Está composto por 28 membros, un por cada Estado da UE, que se ocupan dun ámbito específico. O seu presidente é proposto polo Consello Europeo e elixido polo Parlamento Europeo para un mandato de cinco anos.


Movementos antiglobalización

É un amplo conxunto de movementos sociais formado por activistas provenientes de distintas correntes políticas, que a finais do século XX converxeron na crítica social ao proceso de globalización. Acusan ao actual proceso de globalización de beneficiar ás grandes multinacionais e aos países máis ricos, acentuando a precarización do traballo e consolidando un modelo de desenvolvemento inxusto e insubstentábel. Tamén o acusa de socavar a capacidade democrática dos Estados, entre outros aspectos negativos.


Obxectivos de desenvolvemento substentábel

Os obxectivos de desenvolvemento substentábel (ODS), tamén coñecidos como Obxectivos Mundiais, son 17 propósitos de desenvolvemento humano fixados pola ONU en 2015. Estes 17 obxectivos baséanse nos logros dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (2000), aínda que inclúen novas esferas como o cambio climático, a desigualdade económica, a innovación, o consumo substentábel e a paz e a xustiza, entre outras prioridades.


Xeopolítica

A xeopolítica é unha disciplina que estuda todo o relativo ao territorio e os seus recursos, así como as relacións que se dan entre estes e os poderes establecidos (Estados, poderes económicos, políticos, sociais ou relixiosos), e as relacións que se dan entre estes poderes e os territorios.

Ningún comentario:

Publicar un comentario