luns, 25 de setembro de 2017

Glosario bloque 11

Parroquia

División administrativa menor ca un municipio integrada por varios núcleos de poboación, propia de Galicia e Asturias. É a categoria tradicionalmente recoñecida ás entidades colectivas de poboación. Como tales non teñen entidade xurídica ningunha. En Galicia existen 3781 parroquias, que comprenden desde unha aldea até quince ou máis. O Estatuto de Autonomía de Galicia prevé que, mediante unha lei, se poida recoñecer personalidade xurídica á parroquia rural.

Municipios

O municipio é a entidade territorial básica en España. A súa función é prestarlle servizos aos veciños/as, máis variados canto maior sexa a súa poboación. O goberno e a administración municipal correspóndelle ao concello, integrado polo alcalde/sa e os/as concelleiros/as. As/os concelleiras/os elíxense por sufraxio universal directo, e estes, á súa vez, elixen ao alcalde/sa.


Provincia

A provincia é unha entidade territoral local formada por unha agrupación de municipios. A súa función é fomentar os intereses provinciais, prestar servizos de ámbito provincial, coordinar os servizos dos municipios e cooperar con eles. O goberno e a administración provincial correspóndelle á deputación, integrada por un presidente/a e os/as deputados/as. Os/as deputados/as escóllense entre os/as concelleiros/as electos e estes, á súa vez, elixen ao presidente/a.

Comunidade Autónoma

A comunidade autónoma é unha entidade territorial formada por provincias limítrofes, territorios insulares ou provincias con entidade histórica rexional, dotadas de autonomía lexislativa e capacidade de autogoberno sobre os asuntos da súa competencia. En España hai 17 comunidades autónomas e dúas cidades autónomas.


Estatuto de Autonomía

O Estatuto de Autonomía é a norma legal básica pola que se rexen todas as comunidades autónomas. Neles establécese a súa denominación, delimitación territorial, identificación das institucións autonómicas existentes e a súa localización, así como as competencias que asumen. O Estatuto de Autonomía de Galicia foi promulgado o 6 de abril de 1981.

Ningún comentario:

Publicar un comentario