venres, 16 de febreiro de 2018

Glosario Bloque 7 (O espazo rural e as actividades do sector primario)

Acuicultura

Conxunto de actividades que, mediante algún tipo de intervención no ciclo biolóxico ou no medio no que habitan os peixes ou plantas permiten controlar a súa reprodución e/ou o seu crecemento. É moi significativa en Galicia, e está restrinxida a un pequeno abano de especies, en función da súa importancia económica e do desenvolvemento dunha tecnoloxía axeitada e limitada especialmente á beiramar ou ás augas continentais.

Agricultura ecolóxica

Sistema para cultivar unha explotación agrícola, baseado na utilización óptima dos recursos naturais e sen empregar produtos químicos de síntese ou organismos xeneticamente modificados (OXMs) -nin como fertilizante nin para combater as pragas-, logrando deste xeito obter alimentos ecolóxicos á vez que se conserva a fertilidade da terra e se respecta o medio.


Denominación de Orixe

Certificación de calidade que se outorga a produtos dun determinado territorio do que toman o seu nome, que asegura certas características comúns que todos teñen que cumprir. Resulta cada vez máis común en produtos agrarios (viños, aceites, carnes, legumes, queixos, doces).

Desagrarización

Concepto que fai referencia á perda de poboación adicada á actividade agraria, así como á perda de importancia da actividade agrícola nun territorio, e o conseguinte debilitamento das institucións sociais vencelladas a esta actividade que organizan diferentes aspectos da vida social. En toda España tense producido este proceso, especialmente desde finais dos anos 70.

Explotación (agraria) intensiva

É aquela explotación agraria que elimina os barbeitos e recorre á produción continua do terreo, estimulada polo emprego de fertilizantes e o regadío artificial. Este tipo de agricultura intensiva obtén unha forte produtividade, sobre terreos moitas veces de extensión reducida. É moi habitual no litoral mediterráneo, especializado na horticultura.


Política Pesqueira Comunitaria (PPC)

Política europea que vai encamiñada a unha explotación substentábel do medio mariño e dos seus recursos e a fomentar a cría de especies polo sistema da acuicultura, así como a negociar acordos con países non comunitarios para poder pescar nos seus caladoiros.

Silvicultura

Actividade que trata do cultivo de montes e bosques. A práctica máis habitual da silvicultura é o aproveitamento forestal de espazos destinados á produción de madeiras, leña ou resinas, pero que tamén poden ter un efecto positivo na protección de cuncas hidrográficas, a conservación de hábitats naturais -susceptíbeis de integrarse en parques naturais protexidos- e o desenvolvemento de espazos recreativos.


Transxénicos

Plantas modificadas xeneticamente, é dicir, sometidas a unha alteración dos seus xenes procedentes doutros organismos para dotalas de certas propiedades: resistencia ás malas herbas e a certas pragas, maior rendementos, etc.

Ningún comentario:

Publicar un comentario