venres, 16 de febreiro de 2018

Glosario Bloque 6 (A poboación española)

Poboación Activa

É aquel sector da poboación que se atopa en idade apta para traballar (16-65 anos). Se está empregada denomínase poboación activa ocupada; se está en paro poboación activa desocupada ou desempregada.

Esperanza de Vida

É o cálculo de número de anos que un individuo pode agardar vivir, ben no momento de nacer ou cando atinxe unha determinada idade, sempre que os niveis de mortalidade permanezan constantes. En España, en 2017, a esperanza de vida media era de 83 anos (85,6 para as mulleres e 80,3 para os homes).


Réxime Demográfico

Período correspondente ao modelo de transición demográfica cunhas determinadas características canto á natalidade, á mortalidade e ao crecemento natural ou vexetativo. Distínguense: 1) o antigo réxime demográfico, con altas taxas de natalidade e mortalidade e crecemento vexetativo escaso; 2) o réxime demográfico moderno, con taxas de natalidade e mortalidade moi baixas.


Censo de Poboación

É un documento no que se reconta a poboación dun país nun momento determinado, achéganos información sobre o volume de poboación dun lugar, a súa composición por sexo e por idades, estado civil, tamaño das familias, nivel de estudos, renda, etc.


Crecemento Vexetativo 

O crecemento vexetativo ou crecemento natural dunha poboación é a diferenza entre o número de nacementos e o número de defuncións nunha poboación durante un período de tempo determinado. Se o número de nacementos nun ano é superior ao número de defuncións o crecemento vexetativo ou natural é positivo. En cambio, cando o número de nacementos é inferior ao de defuncións pode falarse de crecemento vexetativo ou natural negativo. En España é dun 0,04 (2017) e en Galiza dun


Taxa de Fecundidade

A taxa de fecundidade xeral pon en relación o número de nacidos vivos nun ano determinado co número de mulleres en idade de procrear, isto é, entre os 15 e os 49 anos.


Transición demográfica

É un modelo que describe os cambios demográficos acontecidos ao longo do tempo nos países desenvolvidos: transición desde unha situación de altas taxas de natalidade e mortalidade a outra caracterizada por un descenso delas, pasando pola fase intermedia, de descenso da mortalidade antes que a natalidade, permitindo un rápido crecemento demográfico.


Padrón municipal

Rexistro que leva a cabo cada concello sobre a poboación que vive no seu municipio. Contén tamén información sobre as características da poboación, aínda que algo menos detallada cá do censo. A súa principal vantaxe é a de tratarse dun rexistro vivo, dinámico, xa que cando unha persoa se traslada a vivir a outro municipio, ten a obriga legal de empadroarse nel. De aí que sexa denominado padrón continuo de poboación. Isto quere dicir que en calquera momento se pode coñecer a poboación dun municipio, así como as súas principais características, polo que é un dato de vital importancia para os concellos, xa que reciben máis ou menos financiamento en función da poboación que teñan.

Ningún comentario:

Publicar un comentario